Este ano, o Foro Social Mundial non se reúne nun escenario único, tal e como aconteceu no pasado, e a pesar dalgún intento de diversificación, en Porto Alegre, en Mumbai ou en Nairobi. Tendo en conta dalgúns dos problemas que a fórmula despregada no último lustro foi arrastrando, a decisión dos organizadores, benvida, consistiu en acometer un ambicioso proceso de descentralización que pretende achegar as sesións dos foros -falemos mellor, agora, en plural- ás casuísticas dos diferentes lugares. De resultas, e na contorna que nos é máis achegado, ao longo destes días celébranse sesións do Foro Social Mundial en escenarios varios, como é o caso de Andalucía, Canarias, Cataluña, Galiza, Madrid ou Valencia, ademais de en unha infinidade de localidades que vertebran os seus propios conclaves.
Convén que explique canto antes por que acabo de suxerir que a decisión en cuestión é, por forza, benvida. Vaia por diante que o Foro Social Mundial tivo, nos últimos anos, unha utilidade difícil de negar. Así, operou como inescusábel escaparate mediático que permite lembrer que os movementos que contestan a globalización existen, achegou un escenario razoabelmente interesante para que cobren corpo debates de enxunlla e permitiu -pechemos aquí o enunciado das virtudes- que intercambien experiencias e iniciativas redes que doutro xeito sentíronse a miúdo orfas no seu quefacer cotián.
Pero dun tempo para acó fixéronse evidentes algunhas secuelas ás que é inescusábel prestar atención, tendo en conta que, de non facelo, moitos dos elementos articuladores do que son os movementos antiglobalización -non oculto que prefiro este termo ao, cada vez máis común, que nos fala de movementos alterglobalizadores- veríanse en perigo. Direi, polo momento, que aínda que as sesións celebradas no pasado en Porto Alegre, en Mumbai ou en Nairobi tiveron por escenario físico países do Terceiro Mundo, nos feitos, e por detrás, foron ante todo, e a pesar das aparencias, foros europeos nos que os movementos do Norte gozaron dunha clara preeminencia.
Ao amparo do anterior, e por riba, as xuntanzas celebradas parecen terlle outorgado un papel desmesurado aos santóns intelectuais -polo xeral, xentes procedentes, de novo, dos países ricos- en detrimento dos movementos e dos activistas de base. Non se esqueza, sen ir máis lonxe, que o desprazamento a escenarios tan afastados como eses reclamaba dun esforzo económico que, por razóns obvias, non estaba ao alcance de todos.
No debe do Foro Social Mundial, hai que anotar, tamén, o feito de que aquel se converteu en escenario idóneo para un proceso delicado: o desembarco, a miúdo espectacular, de axentes que é lexítimo considerar alleos aos movementos, como é o caso, en lugar significado, dos segmentos máis lúcidos da socialdemocracia europeo-occidental. Non se me malinterprete: de ningún xeito pretendo negarlle a esta última -faltaría máis- a súa presenza nesas reunións. O que quero subliñar é que a experiencia dos últimos anos invita a concluír que, infelizmente, hai unha dramática distancia entre as declaracións públicas vertidas, en Porto Alegre ou en Nairobi, polos portavoces desas forzas políticas e a práctica real que, logo, despregan ao amparo de instancias como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial ou a Organización Mundial do Comercio.
Con todo, o que realmente me preocupa non é, ao cabo, nada do anterior. O principal dos problemas que se fixo presente nas reunións do Foro Social Mundial non é outro que o risco, delicadísimo, de que este último, na intención e na práctica cotiá de moitas xentes, acabe por substituír, material e simbolicamente, aos movementos de base. Sentinme obrigado a dicilo moitas veces: foros e contracimeiras -as dúas fórmulas organizativas supraestructurais das que se dotaron os movementos que contestan a globalización- só teñen sentido se antes hai redes sociais independentes, activas e con vida propia no eido local. Para entender o que quero dicir atrevereime a agregar que un dos termómetros que decidimos empregar para avaliar cal é o estado -de crecemento ou de retroceso- dos nosos movementos sociais está cargado de equívocos: refírome ao que remite ao número de persoas que acoden a unha manifestación
O planeta está cheo de movementos sociais extremadamente suxestivos e rachadores que non son quen de sacar a ninguén á rúa, como está cheo de redes máis ben tristes e inoperantes que funcionan á perfección cando se trata de montar vistosos espectáculos.
Sería absurdo pretender que a fórmula arbitrada este ano, ao amparo dunha ambiciosa descentralización, vai resolver como por encantamento todos eses problemas. Configura, con todo, un paso adiante na dirección adecuada, na medida en que pretende achegar os foros ás realidades precisas, aos problemas, das redes e dos activistas que operan en cada ámbito xeográfico preciso.
Temos razóns sobradas para afirmar, en calquera caso, que o futuro dos movementos antiglobalización non se dirime en Porto Alegre, en Mumbai ou en Nairobi: dirímese, así a todo, no día a día do traballo sórdido, case sempre pouco vistoso, de quen, en barrios e pobos, decidiron plantar cara a ese vórtice de especulación, concentración do poder, deslocalización, desregulación e crecemento do crime organizado que é a globalización capitalista.
Carlos Taibo, Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid