Foto: Hilde Stephansen/Ciranda
Malia que se practicaba dende había anos, o terríbel apartheid practicado en Suráfrica contra a poboación negra tomou forma xurídica, isto é, lei racista, no ano 1948, logo de que o Partido Nacionalista do afrikáner Daniel Malan se fixera co poder. As máis escuras coincidencias da historia farían que ese mesmo ano, en Oriente Próximo, a dramática partición de Palestina e a creación do Estado de Israel constituíran a semente dun outro apartheid, o que hogano practica impunemente, e coa vergoñenta complicidade de Occidente, a teocracia sionista sobre a poboación palestiniana.
Non é xa que logo casualidade que, na inauguración do Foro Mundial de Educación (FME) ao que asisto entre o 28 e o 31 de xuño en Palestina, Mustafa Barghouti, todo un referente do movemento social non violento nestas terras, rematara o seu discurso cunha alusión a Nelson Mandela, que cando vía morrer o apartheid dixo: “a nosa liberdade en Suráfrica non será completa até que Palestina sexa tamén libre”.
Ese réxime segregacionista, por mor do cal os palestinos viven encadeados e acosados en ermos territorios, humillados e explotados, prisioneiros e refuxiados, sen se poder desprazar e dependentes da esmola de culpabilidade de Occidente, é estes días denunciado polos altermundistas do planeta, que por centos se dan cita aquí para acompañar a celebración do FME, un grandioso movemento en defensa da educación –dunha outra educación– e un dos máis activos apéndices dun Foro Social Mundial (FSM) que aquí toma partido.
E así o ve boa parte da poboación palestiniana, que por causa da súa obrigada dispersión, entre odiosos muros de formigón e asentamentos dos seus ocupantes, decidiu desenvolver este foro con múltiples actividades en Ramallah, Jenín, Tulkarem, Nablus, Belén, Hebrón, Xerusalén, Gaza e Palestina 48 (Haifa, Jaffa e Nazareth). Outros dous días de FME acontecen tamén en Beirut, de xeito que ningún palestiniano quede alleo ao meirande movemento social da historia, o do FSM.
É por isto que, como non podía ser doutro xeito, o FME de Palestina teima, e con toda lexitimidade, en ligar directamente o dereito universal á educación coa causa política e humanitaria da súa liberación, coa súa heróica resistencia e coa súa incansábel loita, co soño dun Estado libre. Como ben dixo no antedito acto Pierre Beaudet, de Alternatives International, “non pode haber liberación sen educación, mais tampouco ocupación sen liberación”.
Porén, os activistas que aquí dan vida ao FME non aspiran só á súa loita nacional. Non loitan por un Estado calquera. Loitan tamén contra o neoliberalismo, por un Estado democrático, participativo e con igualdade de xénero, pacífico e solidario co mundo, con liberadade real e comprometido coa xustiza universal. Coma non, por unha outra Palestina posíbel.
Cando 1948 remataba, xa en decembro, quixo deixarlle á historia unha outra coincidencia, tan loábel como irónica, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Aquí só aspiran a que sexa un día realidade.