Malia que existen múltiples definicións, poderiamos falar de presos políticos como daquelas persoas privadas de liberdade, na cadea ou doutro xeito, porque as súas ideas supoñan unha ameaza para o sistema político imperante. Vaia, que podemos falar de presos de conciencia ou de opinión, como di Amnistía Internacional (AI).
Mais como conciencias hai moitas e presos unha manchea deles, demasiados, tamén parecen existir clases niso das persoas privadas de liberdade na cadea -fóra da cadea hai, de seguro, moitísimas máis-, ou cando menos iso indica o diferente tratamento, tanto mediático como político, destas persoas no planeta. Cuba e Israel son un grande exemplo.
Aceptando, malia que con reservas en moitos casos, as cifras que dan diversas organizacións, en Cuba había a primeiros de ano 55 presos de opinión (AI, Informe 2010). Como apunta Salim Lamrani, despois da elaboración do informe 28 foron liberados, entre outras cousas por mor da mediación da Igrexa Católica e o Estado español. Quedarían xa que logo 27. Outros datos, como os da Comisión de Dereitos Humanos e pola Reconciliación Nacional (CDHRN), máis interesados e polo tanto menos fiábeis, falan de 144. Porén, aceptemos esta última cifra. É máis, imos dobrala e falemos de 288, ou de 500, ou de 1.000, non vaia ser que non saiban contar. Coincidamos tamén en censurar ao goberno da grande das Antillas por isto.
Falemos agora do goberno democrático de Israel. AI non dá no antedito informe datos sobre o número total de presos políticos palestinos en Israel. Se cadra porque o documento está máis centrado na operación Chumbo Fundido, que rematou en xaneiro e deixou 1.380 mortos palestinos en Gaza, incluídos máis de 330 nenos e nenas e centos de civís. Si fala, entre outras cousas, de cando menos 6 obxectores de conciencia israelís presos en 2009 por negarse a facer o servizo militar -que fan sobre todo nos territorios ocupados-, de 900 palestinos aos que os seus familiares non poden visitar na cadea e dun dato bo: o número de palestinos recluídos en cadeas israelís sen cargo nin xuízo rebaixouse de 564 a 278 no ano 2009.
No entanto, existen moitas organizacións -como Palestine Behind Bars ou os comités de familiares de presos- que coinciden nunha cifra que anda polos 7.000! Eu mesmo puiden visitar na miña recente viaxe a Ramallah a Sumoud Ahmad Sádat, filla de Ahmad Sádat, líder da Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP) dende o asasinato extraxudicial de Abu Ali Mustafa por parte do exército israelí e unha das causas polas que Israel cercou a Yasser Arafat na Muqhata en 2002. Sumoud, que non ve ao pai dende hai máis de catro anos, refrescoume os datos: 6.850 presos políticos. Deles, 35 mulleres e 205 nenos entre 12 e 18 anos, os máis por tirárenlles pedras aos soldados sionistas. O réxime de apartheid que practica Israel cos palestinos non se pode comparar co sistema de goberno cubano nin de lonxe. As abraiantes cifras de presos políticos tampouco. Por que entón esa diferenza de tratamento? Pensen vostedes.